Tuesday 14 de May de 2024

O Concello analiza coa Asociación Cultural Campo de Pena o impacto que o proxecto da Cidade das TIC terá en Palavea


A alcaldesa e o edil de Urbanismo reuníronse esta mañá coa Asociación Cultural Campo de Pena de Palavea para falar do impacto que o proxecto da Cidade das TIC terá no barrio

A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, mantiveron esta mañá en María Pita un encontro con representantes da Asociación Cultural Campo de Pena co fin de tratar o impacto que o proxecto da Cidade das TIC terá no barrio de Palavea e nas zonas de Eirís e Pedralonga.

Ante a preocupación mostrada polo colectivo veciñal polo impacto que as actuacións previstas no ámbito da Fábrica de Armas (Cidade das TIC e o futuro hospital) poidan ter no barrio, a alcaldesa explicoulles que o Concello aínda descoñece o alcance concreto dos proxectos e que a súa intención é “establecer con eles unha canle de comunicación fluída para tratar que os impactos negativos na súa afección a núcleos tradicionais sexan os mínimos” e, sobre todo, analizar a súas demandas de dotación cultural e áreas verdes.